Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de toda España participaron recentemente na Sesión Plenaria da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP), un dos principais espazos de encontro e intercambio de experiencias arredor do desenvolvemento local participativo nas zonas costeiras.
Durante a inauguración do encontro, a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, destacou a importancia de garantir un financiamento adecuado que permita reforzar o papel dos GALP como axentes dinamizadores do territorio e impulsar iniciativas vinculadas á economía azul, á sustentabilidade e á diversificación económica das comunidades costeiras.
A sesión plenaria serviu para analizar a evolución do Desenvolvemento Local Participativo (DLP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como para compartir experiencias e boas prácticas impulsadas polos distintos grupos de pesca do Estado.
Ao longo das diferentes sesións abordáronse cuestións relacionadas coa innovación no sector pesqueiro, a xeración de emprego, a valorización dos recursos locais, a adaptación aos retos ambientais e a necesidade de seguir fortalecendo o papel das comunidades locais na definición das estratexias de desenvolvemento dos seus territorios.
Este tipo de encontros contribúen a fomentar o intercambio de coñecemento entre territorios, a difusión de experiencias de éxito e a identificación de novas oportunidades de colaboración para seguir impulsando un desenvolvemento sostible e participativo das zonas costeiras.
Dende o GALP Golfo Ártabro Sur seguimos apostando por iniciativas que impulsen o desenvolvemento sostible do noso territorio e que contribúan a fortalecer o futuro do sector marítimo-pesqueiro.
Comentarios recientes