O Salón de Plenos do Concello de Sada acolleu o pasado 1 de xuño unha nova xornada do proxecto de cooperación Pesca Saúde, impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, centrada nesta ocasión na relación entre a alimentación e as patoloxías endocrinas, así como no papel do consumo de peixe na súa prevención.

A sesión contou coa participación de Teresa Martínez Ramonde, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, quen ofreceu unha completa explicación sobre a influencia dunha alimentación saudable e equilibrada na prevención e tratamento das enfermidades endocrinas. Durante a súa intervención destacou a importancia de incorporar peixe de maneira habitual á dieta, polos seus beneficios nutricionais e polo seu papel na promoción dunha mellor saúde.

A especialista, con ampla traxectoria profesional no ámbito da endocrinoloxía e da diabetes, achegou aos asistentes información baseada na evidencia científica, resolvendo ademais dúbidas sobre hábitos alimentarios e desmontando algúns dos mitos máis frecuentes relacionados coa alimentación.

A xornada, aberta ao público, reuniu a numerosas persoas interesadas en coñecer como unha alimentación baseada en produtos do mar de proximidade pode contribuír á prevención de enfermidades metabólicas e á mellora da calidade de vida.

Esta actividade forma parte de Pesca Saúde, un proxecto que nace co obxectivo de promover o consumo de peixe fresco e doutros produtos pesqueiros galegos como ferramenta de prevención e promoción da saúde, nun contexto marcado polo descenso do seu consumo fronte ao aumento dos alimentos ultraprocesados. A iniciativa busca divulgar, de maneira clara e rigorosa, os beneficios dos produtos do mar a través de profesionais sanitarios de diferentes especialidades.

 A próxima xornada terá lugar o vindeiro 7 de xullo, na Casa da Cultura, Pintor LLoréns en Sada ás 11:30h de man da Artesa da Moza Crecha, onde se realizará un showcooking con degustación de productos do mar.

Nos próximos meses, o proxecto continuará desenvolvendo novas accións dirixidas á cidadanía e ao sector da restauración, entre elas o deseño de menús saudables elaborados con produtos pesqueiros locais e de tempada, así como obradoiros de Batch Cooking, orientados a facilitar unha alimentación equilibrada e saudable baseada no peixe de proximidade.

Pesca Saúde está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, a través da Consellería do Mar, e desenvólvese coa participación de sete GALP galegos baixo a coordinación do GALP Costa Sostible, en colaboración coa Consellería de Sanidade.