A praia de Pantín, en Valdoviño, foi escenario dunha nova actividade do proxecto Pesca Saúde, coincidindo coa celebración do Pantín Classic 2026. Durante os días 29 e 30 de agosto, a foodtruck da iniciativa achegouse ata este enclave para promover entre deportistas e público xeral o consumo de produtos do mar como parte dunha alimentación equilibrada e dun estilo de vida saudable.

A proposta combinou gastronomía, divulgación e deporte a través dun espazo promocional no que as persoas asistentes puideron coñecer os beneficios do peixe e doutros produtos do mar e degustar diferentes elaboracións pensadas especificamente para acompañar a práctica de actividade física.

Baixo o lema “Antes da Onda / Despois da Onda”, a proposta gastronómica diferenciou entre os alimentos máis axeitados para afrontar o exercicio e aqueles que poden contribuír á recuperación posterior. En colaboración co restaurante A Artesa da Moza Crecha, ofrecéronse dous petiscos elaborados con produto do mar: un crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, pensado para antes da actividade física, e un brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, orientado á recuperación despois do esforzo.

A actividade permitiu así achegar os produtos pesqueiros galegos a un público diverso e amosar, desde unha perspectiva práctica e próxima, as posibilidades que ofrecen dentro dunha alimentación vinculada ao benestar físico.

Pesca Saúde nace coa finalidade de fomentar o consumo regular de peixe, marisco e outros produtos do mar e poñer en valor o seu papel dentro dunha dieta equilibrada. Ao longo de 2026, o proxecto está a desenvolver diferentes accións de divulgación, actividades gastronómicas e iniciativas relacionadas coa saúde e a alimentación en distintos puntos do litoral galego.

O proxecto está impulsado por sete GALP galegos, entre eles o GALP Golfo Ártabro Sur, e conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través da Consellería do Mar, así como coa colaboración da Consellería de Sanidade.

A presenza en Pantín permitiu, deste xeito, seguir achegando a mensaxe de Pesca Saúde a novos públicos e demostrar que o produto do mar tamén pode formar parte dunha alimentación pensada para acompañar a actividade física e o coidado da saúde.