O proxecto Pesca Saúde, baixo o lema “Alimentos do mar, alimentos de vida”, continúa a súa rolda de actividades informativas nos distintos concellos do ámbito do GALP Golfo Ártabro Sur, tras o seu percorrido polas diferentes localidades participantes.
As accións desenvolvéronse nos concellos de Arteixo, Oleiros e Sada, completando así o despregue da campaña no territorio. Nestas xornadas, veciñas e veciños achegáronse ás carpas instaladas xunto aos centros de saúde para coñecer a campaña, visualizar o vídeo divulgativo e achegarse ás evidencias científicas que avalan os beneficios do consumo de produto pesqueiro para a saúde.
As persoas asistentes tamén puideron degustar elaboracións con produto pesqueiro local da man de A Artesa da Moza Crecha, concretamente boga en escabeche de laranxa e xarda curada con pesto de noces, crema doce de queixo fresco galego e po de oliva negra deshidratada, unha proposta que combina tradición e innovación gastronómica para poñer en valor o produto do mar.

Así mesmo, distribuíronse receitarios e guías prácticas orientadas a fomentar o consumo de peixe e doutras especies mariñas, con especial atención ao produto de proximidade adquirido en establecementos locais.
No marco da campaña, no mes de xuño celebraranse unhas Xornadas Técnicas, nas que profesionais do ámbito sanitario afondarán nos beneficios do consumo de produto pesqueiro para a saúde e o benestar.
O proxecto Pesca Saúde desenvólvese nun contexto no que o consumo de peixe fresco foi diminuíndo progresivamente, mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na dieta habitual. Esta evolución dos hábitos alimentarios está asociada a un incremento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.
Neste sentido, fomentar o consumo regular de peixe galego non se entende só como unha decisión alimentaria, senón como unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. O obxectivo é promover hábitos de vida saudables e mellorar o benestar da cidadanía a través do consumo de produto pesqueiro.

No marco da campaña, distribuíronse tamén vales de desconto de 5 euros, que poden utilizarse nas peixerías adheridas a partir do 23 de abril, aplicándose directamente na compra de produto do mar.
Así mesmo, entre o 15 de abril e o 30 de xuño, as persoas consumidoras que acumulen tíckets de compra por valor igual ou superior a 60 euros nos establecementos adheridos poderán participar no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría.
As peixerías participantes están identificadas co distintivo oficial da campaña.
O proxecto continuará centrando a súa acción no sector da hostalaría, promovendo a incorporación de produto do mar de proximidade nos menús, adaptados a receitas saudables e de tempada.
Ademais, celebraranse obradoiros de Batch Cooking, unha metodoloxía de planificación de cociña semanal baseada na preparación conxunta de elaboracións que logo se combinan en diferentes comidas. Estas sesións estarán acompañadas dun receitario que tamén estará dispoñible na web do proxecto.
Sobre Pesca Saúde
Pesca Saúde é unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, a través da Consellería do Mar. No proxecto participan sete GALP que cobren unha parte significativa do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible.
Conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, integrando as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.
Comentarios recientes