O GALP asistiu ao acto de presentación organizado pola Consellería do Mar en Ribeira baixo o título “Galicia, mar e memoria: presentación do Censo do Patrimonio Marítimo e das Áreas Nai”, unha iniciativa de grande relevancia para coñecer, ordenar e protexer o patrimonio marítimo galego.

Trátase dun proxecto que dá lugar a un censo que documenta preto de 1.500 bens distribuídos ao longo do litoral de Galicia. Este inventario vivo recolle elementos materiais e inmobles vinculados á cultura do mar, como instalacións pesqueiras tradicionais, peiraos, conserveiras, embarcacións, estruturas produtivas, artefactos e outros elementos que forman parte da memoria colectiva das vilas costeiras.

O traballo desenvolvido permite non só identificar e catalogar este patrimonio, senón tamén analizar a súa evolución e comprender o papel fundamental que desempeñou na configuración social, económica e cultural de Galicia ao longo do tempo.

Xunto ás denominadas Áreas Nai, que sinalan os espazos de orixe e referencia das comunidades mariñeiras, esta ferramenta convértese nun recurso clave para preservar a identidade do litoral galego e reforzar o vínculo histórico entre o mar e a forma de vida das súas xentes.

O acto serviu tamén para poñer en valor a importancia de protexer este legado como parte esencial da memoria mariñeira de Galicia, garantindo a súa conservación e transmisión ás futuras xeracións.

Desde o GALP reafirmamos o noso compromiso coa difusión, protección e posta en valor deste patrimonio, fundamental para manter viva a identidade do noso territorio e o seu vínculo co mar.