O pasado 28 de novembro, a sede do GALP Golfo Ártabro Sur foi escenario dunha xornada de emprendemento organizada no marco do proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo, unha iniciativa de cooperación promovida polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, para presentar as oportunidades que ofrece o turismo mariñeiro como fonte de ingresos complementaria e sostible.

Durante a xornada explicáronse as actividades formativas do proxecto, que inclúen talleres de emprendemento, cursos de formación en cada territorio e titorías personalizadas para apoiar ao sector na creación de produtos turísticos mariñeiros sólidos e seguros. Entre os temas abordados destacaron a adaptación das embarcacións ás esixencias legais e turísticas, vías de comercialización e preparación para emprender con garantías.

O proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo busca estender a promoción do turismo mariñeiro e da pesca turismo por toda a costa galega, tomando como modelo experiencias de éxito desenvolvidas previamente no proxecto Mar das Illas. Estas iniciativas permiten diversificar ingresos no sector pesqueiro, fomentar prácticas sostibles co medio mariño e fortalecer a conexión entre o mar e a sociedade.

Dende o GALP animamos a profesionais e entidades do sector a participar nas actividades que continuará a desenvolver o proxecto, aproveitando o intercambio de experiencias e coñecemento para consolidar Galicia como destino de turismo mariñeiro.