O GALP Golfo Ártabro Sur apoiou o proxecto “Implementación de servizos dixitais e innovacións tecnolóxicas en Mariscos y Pescados La Marola S.L.”, impulsado pola empresa Mariscos y Pescados La Marola, que ten como finalidade a implementación de servizos dixitais e innovacións tecnolóxicas orientadas á mellora da eficiencia e da calidade na actividade comercial como maiorista de peixe.
Este proxecto consistiu na adquisición e posta en marcha de software personalizado e maquinaria adaptada ás necesidades da empresa, co obxectivo de optimizar a xestión integral dos procesos: compras, reenvasado, transformación, trazabilidade, etiquetado, preparación de pedidos, control de gastos, xestión comercial e financeira, así como a atención preventiva e postvenda.
A incorporación destas ferramentas tecnolóxicas permite á empresa mellorar a trazabilidade e o control de calidade dos produtos, cumprir coas esixencias normativas en materia de Sanidade e reforzar a súa capacidade loxística. Todo isto tradúcese nunha maior transparencia, automatización e eficiencia, beneficiando directamente ao consumidor final, que recibe un produto local cun seguimento completo desde a súa orixe ata o destino.
Mariscos y Pescados La Marola S.L., con sede no Golfo Ártabro Sur, é un exemplo de como a innovación aplicada ao sector pesqueiro pode xerar valor engadido, favorecer a creación de emprego, atraer talento novo e promover a participación das mulleres. A través deste proxecto, consolídase a cadea de valor do sector pesqueiro local mediante accións sostibles e adaptadas aos retos actuais.
Ademais, esta actuación contribúe á modernización do tecido empresarial vinculado ao mar, facilitando que as empresas dispoñan de solucións tecnolóxicas que melloren a súa competitividade e reforcen a calidade do seu servizo.
Desde o GALP Golfo Ártabro Sur seguimos comprometidos coa promoción da innovación, a valorización dos produtos pesqueiros e o desenvolvemento sostible do noso territorio. E se queres descubrir máis iniciativas que transforman o noso litoral, visita a nosa canle de YouTube ou a web do GALP Golfo Ártabro Sur.
Comentarios recientes