O GALP Golfo Ártabro Sur, xunto cos GALP Costa da Morte e GALP Costa Sostible, impulsou o proxecto “Rimartes: riquezas do mar, tesouros do profundo”, unha iniciativa orientada á promoción do patrimonio subacuático dos 25 concellos costeiros comprendidos entre Porto do Son e Sada.

Este proxecto pon en valor o importante acervo cultural e marítimo, a través de accións de estudo, divulgación e dinamización vencelladas ao coñecemento do mar, a historia, a biodiversidade mariña, o turismo e actividades de lecer como o mergullo.

O traballo comezou cunha investigación histórica profesional sobre os naufraxios rexistrados nos tres territorios. Para iso, realizáronse inmersións en diferentes pecios co obxectivo de avaliar o seu estado de conservación, magnitude, descrición e potencial como xacemento patrimonial. Estes estudos, realizados por especialistas acreditados e baixo normativa arqueolóxica vixente.

A partir desta investigación, deseñouse unha ruta sobre os naufraxios máis representativos de cada zona. Ao redor destas rutas estruturáronse o resto das actividades do proxecto con itinerarios en terra sobre o patrimonio somerxido, o primeiro campionato de fotografía submarina centrado nos pecios, a elaboración dun atlas de especies pesqueiras que habitan nas súas inmediacións e a implicación do sector hostaleiro mediante a campaña “O prato do tesouro”, con receitas protagonizadas por estas especies. O proxecto está recollido na súa páxina web: https://rimartes.com

Rimartes contribuíu a divulgar o patrimonio mariño galego, a fomentar o turismo sostible e a reforzar a conexión entre o mar e a sociedade, integrando cultura, ciencia, gastronomía e participación cidadá.

E se queres descubrir máis iniciativas que transforman o noso litoral, visita a nosa canle de YouTube ou a web do GALP Golfo Ártabro Sur.