Desde o GALP Golfo Ártabro Sur informamos que xa foi publicada a resolución da liña orzamentaria 760, destinada a apoiar proxectos promovidos polas entidades locais do noso territorio.

Nesta convocatoria resultaron aprobadas dúas iniciativas singulares, presentadas polos concellos de A Coruña e Arteixo, que coinciden na súa aposta pola divulgación do patrimonio mariñeiro, a implicación da cidadanía e a visibilización do papel das mulleres no mar.

 “Mercados Coruñeses II” – Concello da Coruña

A proposta coruñesa aposta por acercar a pesca artesanal á cidadanía a través dun completo programa de rutas mariñeiras e actividades divulgativas con saída desde a Lonxa da Coruña e final nos mercados municipais. Os itinerarios permitirán coñecer o percorrido do peixe desde o mar ata a praza, reforzando o consumo local e de proximidade.

Inclúe tamén a exposición itinerante “O papel da muller na actividade pesqueira da Coruña”, que visitará os principais mercados, recoñecendo o labor das mulleres no sector: mariscadoras, redeiras, praceiras ou conserveiras.

“Mar de Sorrizo” – Concello de Arteixo

Pola súa parte, o Concello de Arteixo desenvolverá entre 2025 e 2027 o proxecto “Mar de Sorrizo”, centrado na recuperación e dinamización do seu patrimonio mariñeiro a través dun novo centro de interpretación situado na antiga nave de Sorrizo.

A iniciativa contempla a construción dunha chalana tradicional, a restauración de artes de pesca antigas, a creación de obradoiros interxeracionais e materiais divulgativos con enfoque inclusivo e participativo.

Ambas propostas amosan o compromiso dos concellos co desenvolvemento sostible do territorio e co fortalecemento da cultura mariñeira como piar de identidade e de dinamización social.

Podes consultar os proxectos aprobados nesta convocatoria na web oficial do GALP da Xunta de Galicia: https://galp.xunta.gal/golfo-artabro-sur/proxectos-aprobados 

Toda a información sobre convocatorias, recursos e boas prácticas no noso territorio está dispoñible tamén en: www.galpartabrosur.com