A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, visitou o stand do proxecto o xoves 22 de outubro, acompañada por representantes de varios GALP galegos e de IGAFA. A participación na feira está a permitir dar a coñecer as oportunidades formativas e laborais do sector marítimo-pesqueiro entre a comunidade educativa.
O proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar» participa en EDUGAL 2026, o Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, que se celebra do 21 ao 23 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. A iniciativa dispón dun stand propio para dar a coñecer a diversidade de profesións vinculadas ao mar e as diferentes vías de formación e acceso ao emprego, desde a Formación Profesional e a FP Dual ata as titulacións e acreditacións específicas do sector.
Visita institucional ao stand
O xoves 22 de outubro, o stand recibiu a visita da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Suárez, acompañada por representantes de varios Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos e de IGAFA.
Na visita participaron Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa; Elena Herbello, xerente do GALP Ría de Vigo; Laura Nieto, xerente do GALP Ría de Pontevedra; Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte; Tamara Tilve, xerente do GALP Golfo Ártabro Norte; e Rosana González, xerente do GALP A Mariña-Ortegal, xunto co presidente desta entidade, Javier Martínez. Tamén estivo presente José Ventura Villar Estalote, subdirector de IGAFA.
A visita desenvolveuse nun ambiente de actividade, coa presenza de grupos de alumnado e outras persoas visitantes interesadas en coñecer os recursos divulgativos do proxecto. Entre as propostas do stand destacan as gafas de realidade virtual cedidas pola Confraría da Illa de Arousa e pola OPP 20, que permiten achegarse á realidade do traballo no mar a través dunha experiencia inmersiva. Dúas persoas desta última entidade acompañan a actividade e ofrecen información sobre os procesos de traballo vinculados ao sector primario do mar.
Recursos interactivos para descubrir as saídas profesionais
O espazo expositivo conta cunha pantalla vertical para reproducir vídeos elaborados no marco do proxecto e con recursos interactivos que permiten coñecer as profesións marítimo-pesqueiras dun xeito visual e participativo.
Durante a segunda xornada da feira, o stand rexistrou unha importante afluencia de alumnado de educación secundaria, especialmente durante a mañá. As consultas centráronse, sobre todo, nas saídas profesionais e nos ciclos formativos específicos relacionados co sector marítimo-pesqueiro. A presenza de grupos acompañados polo profesorado está a facilitar o achegamento á oferta formativa e a resolución de dúbidas sobre os itinerarios que permiten acceder a estas profesións.
A participación en EDUGAL ofrece así unha oportunidade para conectar o sector marítimo-pesqueiro coa comunidade educativa, dar visibilidade ás súas posibilidades de emprego e contribuír a que a mocidade coñeza as opcións de formación e desenvolvemento profesional que ofrece o mar.
O proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar» é unha iniciativa de cooperación dos oito GALP galegos, coordinada polo GALP Ría de Arousa, en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea, e financiada pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
EDUGAL 2026 celébrase no Recinto Feiral de Pontevedra do 21 ao 23 de outubro. O horario é de 10:00 a 18:00 horas o mércores 21 e o xoves 22, e de 10:00 a 14:00 horas o venres 23.
Máis información: https://www.edugal.es/
Comentarios recientes