O proxecto “Relevo Xeracional: O futuro do mar”, unha iniciativa de cooperación entre os oito GALP galegos, continúa avanzando na súa labor de achegar o sector pesqueiro e mariñeiro á mocidade, poñendo en valor as oportunidades laborais que ofrece o mar e fomentando o interese polas profesións vinculadas a este ámbito.

Durante o mes de marzo, desenvolvéronse novas sesións de aula no IES Isaac Díaz Pardo, nas que participaron tres grupos de 4º da ESO. Estas xornadas permitiron establecer un contacto directo co alumnado, abordando cuestións clave como os salarios, as condicións laborais, as distintas profesións do sector e as súas saídas profesionais.

As sesións espertaron un notable interese entre o alumnado, especialmente polas actividades voluntarias incluídas no proxecto, como os embarques didácticos e a experiencia de estancia con pernocta na Illa de Ons, que permiten coñecer de primeira man a realidade do traballo no mar.

O proxecto inclúe un amplo programa de accións orientadas á sensibilización e formación da mocidade, como charlas en centros educativos, visitas a confrarías e embarcacións, embarques didácticos, xornadas sobre formación profesional dual e campañas de comunicación para dar a coñecer os oficios mariñeiros entre o alumnado.

Con esta iniciativa, os GALP galegos buscan contribuír á remuda xeracional no sector, visibilizando as oportunidades que ofrece o mar e reforzando o vínculo entre a mocidade e as actividades pesqueiras, clave para o desenvolvemento sostible das comunidades costeiras.