A proposta de resolución definitiva da convocatoria FEMPa 2025 chega á Consellería do Mar co respaldo unánime da Xunta Directiva. 

O GALP Golfo Ártabro Sur acaba de aprobar a proposta de resolución definitiva da súa convocatoria de axudas FEMPA 2025, que foi xa remitida á Consellería do Mar para dar continuidade á tramitación dos proxectos e permitir así a súa aprobación. A resolución supón unha inxección económica de máis de 1,5 millóns de euros, destinados a financiar 33 proxectos que contribuirán ao desenvolvemento sostible do territorio.

Trátase dun proceso que rematou sen alegacións e que contou cunha ampla representación tanto de iniciativas promovidas por entidades públicas como de proxectos empresariais. A maior parte dos fondos foron destinados ao sector pesqueiro, consolidando o compromiso do GALP coa cadea de valor do sector pesqueiro, a economía azul, a sustentabilidade ambiental e a dinamización social da contorna costeira.

Os proxectos aprobados destacan polo seu apoio decidido á cadea de valor do sector pesqueiro, impulsando iniciativas centradas na transformación e comercialización dos produtos do mar, así como na promoción do seu consumo responsable e sostible. Ademais, abórdanse outros ámbitos clave como a posta en valor do patrimonio mariñeiro, a recuperación ambiental, o turismo vencellado ao litoral ou a mellora da calidade de vida nas comunidades costeiras. Todos estes proxectos están aliñados coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), que orienta a acción do GALP Golfo Ártabro Sur cara a un modelo de territorio máis resiliente, inclusivo e conectado co mar.

Con esta nova resolución, o GALP reforza o seu papel como ferramenta clave para transformar os fondos europeos en proxectos reais que teñen un impacto directo no territorio. A entidade xa traballa na preparación da vindeira convocatoria e anima a todas aquelas persoas ou entidades con ideas a achegarse ao grupo para recibir asesoramento sobre as oportunidades de financiamento existentes.

Consulta aquí a proposta definitiva de resolución:
https://galp.xunta.gal/golfo-artabro-sur/proposta-definitiva-galp-golfo-artabro-sur