Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia participaron recentemente nun encontro de traballo coa Consellería do Mar para analizar o desenvolvemento das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) 2023-2025 e abordar novas propostas que permitan seguir fortalecendo o litoral galego.

Durante a reunión púxose en valor o importante impacto das actuacións desenvolvidas neste período, no que se impulsaron 339 proxectos que mobilizaron arredor de 46 millóns de euros de investimento. Estas iniciativas contribuíron de maneira directa ao desenvolvemento da economía azul, á dinamización das zonas costeiras e á creación de novas oportunidades para o sector pesqueiro e marítimo.

Os resultados acadados reflicten tamén un importante impacto sobre o emprego, coa creación de máis de 200 postos de traballo e o mantemento de 588 empregos nas comunidades costeiras galegas, consolidando o papel dos GALP como ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento sostible do territorio.

Ademais de facer balance das actuacións executadas, o encontro serviu para analizar posibles melloras nos procedementos de xestión e tramitación das axudas, co obxectivo de axilizar a posta en marcha de novos proxectos vinculados á pesca, á innovación, á valorización dos produtos do mar, ao turismo mariñeiro e á diversificación económica do litoral.

Os GALP reafirmaron o seu compromiso de continuar traballando en colaboración coa Administración autonómica e cos axentes do territorio para promover iniciativas que reforcen a competitividade do sector, impulsen a economía local e contribúan a un desenvolvemento sostible das comunidades costeiras galegas.