O GALP Golfo Ártabro Sur mantivo o pasado 15 de xaneiro unha reunión de traballo coa delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, na que se analizou a situación actual do grupo e se fixo balance das últimas convocatorias de axudas destinadas ao desenvolvemento local e ao sector pesqueiro no territorio.

No encontro participou o xerente do GALP Golfo Ártabro Sur, Federico Enrique López, xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, María de los Ángeles Vázquez Suárez, e a directora territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo. Durante a reunión púxose en valor o papel estratéxico que desempeña o GALP como instrumento clave para a dinamización socioeconómica das comunidades costeiras e para o apoio ás iniciativas vinculadas á economía azul.

Ao longo da sesión realizouse unha análise detallada do impacto das últimas convocatorias de axudas, destacando a capacidade do GALP Golfo Ártabro Sur para mobilizar investimento e acompañar proxectos con repercusión directa no territorio. Neste sentido, o grupo foi unha das entidades con maior impacto na convocatoria de 2025, na que se aprobaron 33 proxectos cofinanciados por un importe superior a 1,5 millóns de euros, mobilizando un investimento total que supera os 2 millóns de euros.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur reafírmase o compromiso de continuar informando, asesorando e apoiando ao tecido local na preparación de proxectos que contribúan a impulsar o futuro do sector pesqueiro e das comunidades do ámbito marítimo-pesqueiro.