O GALP Golfo Ártabro Sur asistiu á xornada “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, celebrada na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, un encontro clave para abordar un dos principais desafíos do sector marítimo-pesqueiro: garantir a continuidade da actividade mediante a incorporación de novas xeracións.

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, do País Vasco, e financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A xornada reuniu a representantes institucionais, organizacións profesionais, centros educativos e profesionais do sector, consolidándose como un espazo de diálogo e intercambio de experiencias arredor do futuro das profesións do mar. Durante o encontro púxose o foco na importancia do relevo xeracional e no papel da Formación Profesional Dual como ferramenta para garantir a continuidade da actividade. Ademais, compartíronse experiencias, boas prácticas e diferentes iniciativas desenvolvidas tanto en España como no ámbito europeo, fomentando o diálogo entre o sector profesional e o ámbito educativo.

Entre as persoas participantes destacou a presenza de Manuel Suárez, secretario do GALP Golfo Ártabro Sur e xerente de ACERGA, que formou parte dunha das mesas de debate achegando a visión e experiencia do sector pesqueiro.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi a presentación de varias pezas audiovisuais protagonizadas por persoas traballadoras do sector, que compartiron a súa experiencia profesional e puxeron en valor as oportunidades que ofrece o ámbito marítimo-pesqueiro para a mocidade.

No caso do territorio do GALP Golfo Ártabro Sur, presentouse a historia de Antón Muiños, recolector de ourizo da Confraría de Pescadores da Coruña, permitindo coñecer de preto unha profesión fortemente ligada ao mar e con importantes perspectivas de futuro no noso territorio.

O relevo xeracional constitúe un elemento clave para seguir impulsando un sector moderno, profesional e cheo de oportunidades para as persoas mozas que deciden desenvolver a súa vida vinculada ao mar. Historias como a de Antón amosan que tradición e futuro poden avanzar da man, contribuíndo a manter vivos os oficios mariñeiros e a crear novas oportunidades arredor do sector pesqueiro.

Este tipo de encontros resultan fundamentais para seguir construíndo un sector pesqueiro máis forte, sostible e con capacidade para afrontar os retos do futuro.

O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” continuará desenvolvendo diferentes actividades ao longo de 2026, entre elas embarques formativos para alumnado, visitas de estudo e accións de divulgación orientadas a fortalecer o vínculo entre a formación e o sector pesqueiro.