En Galicia, a noite do 23 ao 24 de xuño, coñecida como a noite de San Xoán, celebrase o solsticio de verán, é un rito colectivo con lume, auga, herbas e tradicións que se transmite de xeración en xeración. No litoral do Golfo Ártabro Sur, esta festividade adquire unha dimensión especial, ao confluír a identidade mariñeira coa forza da natureza e os saberes populares.
As fogueiras, ou “cacharelas”, enchen as praias, prazas e aldeas. Os veciños e veciñas reúnense para acender o lume novo, ao redor do cal se canta, se baila e se salta. Saltar nove veces por riba da fogueira simboliza purificación, protección contra o mal de ollo e afastamento das meigas.
Outra tradición moi estendida é a queimada, unha bebida feita con augardente, azucre, granos de café e peles de limón ou laranxa, que se prende lume mentres se recita un conxuro en galego para afastar os malos espíritos e atraer a boa sorte. Un espectáculo visual e simbólico que une maxia, palabra e lume nun só ritual.
Na véspera, recóllense as chamadas sete herbas de San Xoán (como fento, fiúncho, codeso, romeu, malva, herba de San Xoán, herba luísa…), que se deixan toda a noite en auga de sete fontes ao orballo. Ao amencer, esa auga emprégase para lavar a cara e purificarse, buscando saúde, beleza e protección para todo o ano.
Nas vilas costeiras do Golfo Ártabro Sur, o baño nocturno no mar é outro dos ritos imprescindibles. Saltar sete ou nove ondas ao fío da medianoite busca fortaleza, fertilidade e boa sorte. O Atlántico, tan presente na vida diaria das comunidades mariñeiras, convértese nesta noite nun espazo máxico e sagrado.
E como non podía ser doutra maneira, a gastronomía tamén ten un lugar destacado. A sardiñada é a protagonista culinaria da noite, sardiñas asadas ao aire libre, acompañadas de pan de millo ou cachelos, enchendo as rúas e praias dun arrecendo a mar que é xa sinal de identidade.
Comentarios recientes