O pasado 7 de xullo, o GALP Golfo Ártabro Sur celebrou en Sada un showcooking de cociña en directo no marco do proxecto Pesca Saúde: O noso mar faiche ben, unha iniciativa que ten como obxectivo promover o consumo de peixe e marisco, poñendo en valor os seus beneficios nutricionais e o papel fundamental do sector pesqueiro na nosa contorna.

A actividade reuniu a numerosos asistentes, que puideron descubrir novas formas de preparar e incorporar os produtos do mar á súa alimentación diaria da man dos chefs Paula Martínez e Lolo Mosteiro, de A Artesa da Moza Crecha. Durante a demostración elaboráronse diferentes receitas con produto pesqueiro, combinando tradición e innovación para amosar a versatilidade destes alimentos e a súa presenza nunha dieta saudable e equilibrada.

Ao remate da sesión, os participantes tiveron a oportunidade de degustar as elaboracións realizadas, convertendo a actividade nun espazo de encontro arredor da gastronomía mariñeira e do produto local.

Durante a xornada tamén se repartiron os vales de desconto de 5 € da campaña Pesca Saúde, destinados a fomentar a compra de peixe e marisco nos establecementos adheridos. Ademais, o prazo para canxear estes vales ampliouse ata o 31 de xullo, facilitando que un maior número de persoas poidan beneficiarse desta iniciativa.

Con accións como este showcooking, o GALP Golfo Ártabro Sur continúa achegando o produto do mar á cidadanía, promovendo hábitos de alimentación saudables, apoiando o comercio de proximidade e contribuíndo a dar visibilidade ao traballo do sector pesqueiro e á calidade dos produtos que chegan diariamente ás nosas mesas.