Cúmprense 16 anos desde que a Torre de Hércules foi recoñecida pola UNESCO como Patrimonio Mundial, un distintivo que puxo en valor a súa relevancia histórica, arquitectónica e simbólica. O faro romano máis antigo do mundo, que está en funcionamento, segue a ser un referente da cultura atlántica e un emblema do Golfo Ártabro, consolidando a súa conexión co mar, a navegación e a identidade costeira da Coruña.
A declaración da UNESCO en 2009 non só recoñece o valor monumental da Torre, senón tamén a súa integración na paisaxe marítima e a súa influencia sobre a navegación atlántica ao longo de dous milenios. Construída polos romanos e restaurada en varias etapas históricas, a Torre segue a cumprir a súa función orixinal como guía para os navegantes, ao tempo que se converteu nun faro cultural que atrae milleiros de visitantes cada ano.
Para celebrar esta efeméride, o Concello da Coruña organizou un amplo programa de actividades, os actos conmemorativos incluíron recreacións históricas sobre o mundo civil e militar romano na coñecida como Ave Crunia, así como representacións teatrais e outras actividades que achegaron á cidadanía á historia e ao patrimonio da Coruña. Actualmente, está aberta na Torre de Hércules a exposición ‘Everything flows, nothing dies’, do artista dixital francés Mathieu Le Sourd, máis coñecido como Maotik. Esta mostra fundamenta na esencia do mar, as súas ondas efémeras e o continuo movemento que producen. A exposición forma parte da conmemoración do 16º aniversario do recoñecemento do monumento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e poderá visitarse ata o 31 de agosto coa compra da entrada para acceder á Torre.
Estas iniciativas reflicten o papel da Torre de Hércules como nexo entre o pasado e o futuro, entre a historia e a innovación, e entre a terra e o mar. Desde o GALP Golfo Ártabro Sur, celebramos este aniversario como unha oportunidade para reivindicar a riqueza do noso patrimonio costeiro, tanto material como inmaterial, e para continuar promovendo un desenvolvemento sostible vinculado á identidade mariñeira e á cultura marítima.
A protección e difusión de bens como a Torre de Hércules forman parte dun modelo de valorización territorial que contribúe á dinamización do litoral, á atracción de visitantes respectuosos co medio e á conservación dos recursos culturais e naturais que definen a nosa contorna.
Comentarios recientes