A Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, coa financiación do GALP Golfo Ártabro Sur, impulsa en Sada o proxecto Ecomuseo a flote, unha proposta pioneira que busca preservar o patrimonio marítimo da vila e revitalizar o seu vínculo co mar a través da posta en valor das embarcacións tradicionais.
O proxecto Ecomuseo a flote naceu coa intención de sentar as bases dun museo sobre a auga, concibido como un espazo vivo e dinámico no que a cultura mariñeira non só se conserve, senón que se experimente e se comparta. Trátase dunha proposta que aposta por manter as embarcacións tradicionais activas, navegando e participando en actividades culturais, educativas e recreativas.
O proxecto desenvolveuse a partir dun exhaustivo traballo previo que incluíu a documentación histórica, a elaboración dun inventario de embarcacións tradicionais, estudos de impacto ambiental e social, así como o deseño de accións participativas que garantan a continuidade da iniciativa no tempo. Todo este proceso busca abrir novas vías para a divulgación cultural, a posta en valor dun patrimonio marítimo ameazado de desaparecer, o impulso ao turismo ligado á identidade local e a promoción da sensibilización ambiental.
Ecomuseo a flote é froito dun proceso rigoroso de análise e planificación. Ao longo da súa preparación desenvolvéronse estudos técnicos, financeiros, ambientais e sociais que avalan tanto a viabilidade da proposta como o seu potencial para xerar un impacto positivo na comunidade costeira do Golfo Ártabro Sur.
A implicación de Os Patexeiros, entidade promotora, e o apoio do GALP Golfo Ártabro Sur fixeron posible unha proposta que combina tradición, innovación e compromiso co territorio. O Ecomuseo a flote é, hoxe, un exemplo de como recuperar o pasado pode ser tamén unha aposta de futuro para as comunidades costeiras.
Un dos elementos centrais do proxecto é a reconstrución dun bote tradicional da ría xa desaparecido coa tipoloxía “media construcción” O novo bote, realizado nos Asteleiros Catoria, con carpintería de ribeira, bautizado como “Patexo”, está equipado con diferentes aparellos tradicionais (vela de relinga, latina e cangrexa con foque) ofrendo así unha mostra viva da evolución da navegación artesanal no Golfo Ártabro. Cuxa presentación será o vindeiro 7 de xuño nos Asteleiros Catoria no Concello de Rianxo ás 12h
Tamén se deseñou un sistema de seguemento para embarcacións tradicionais mediante tecnoloxía LoRaWAN, co obxectivo de facilitar a súa monitorización e posta en valor. Por último, desenvolvéronse materiais didácticos e audiovisuais accesibles para a difusión do proxecto entre a poboación, facendo fincapé na súa utilidade en contornos educativos e en colectivos con diversidade funcional.
Desta maneira preténdese reforzar a identidade mariñeira de Sada e crear novas ferramentas para divulgar o seu patrimonio material e inmaterial, tanto entre a veciñanza como a novos visitantes. A posibilidade de contar con un ecomuseo vivo, dinámico e accesible, representa unha nova maneira de conectar coa cultura do mar, promovendo a conservación das embarcacións tradicionais e o coñecemento das técnicas de navegación artesanal.
Comentarios recientes