A xornada “Vivir o cerco, con peixe de ACERGA”, celebrada o pasado 22 de agosto na Lonxa de Sada, supuxo unha oportunidade para achegar á cidadanía o valor social, económico e gastronómico da pesca de cerco. A actividade, organizada pola Organización de Produtores de Pesca de Cerco de Galicia (ACERGA), contou co apoio do GALP Golfo Ártabro Sur como parte do noso compromiso na promoción e sensibilización da cultura mariñeira e actividades vencelladas ao mar que impulsan o noso territorio.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur consideramos fundamental apoiar iniciativas que contribúan a reforzar o vínculo entre a sociedade e o sector pesqueiro, promovendo o coñecemento das artes pesqueiras, a trazabilidade dos produtos e a posta en valor das especies de cercanía.

O evento contou coa participación institucional do alcalde de Sada, Óscar Benito Portela; o Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Cándido Rial Rodríguez; e o secretario de ACERGA, Alberto Castro García, quen destacou o compromiso da organización coa defensa do sector.

A actividade desenvolveuse cun programa participativo conducido por Manuel Suárez, xerente de ACERGA. Incluíu a explicación dunha rede de cerco, un percorrido polo proceso que segue o peixe desde a descarga ata a lonxa, e unha intervención de Marta Chouza, responsable de marketing de MSC España e Portugal, sobre a certificación MSC e o sistema de etiquetado de trazabilidade.

Un dos momentos máis destacados foi a poxa interactiva, que recreou o ambiente tradicional das vendas na lonxa mediante o uso do antigo reloxo, permitindo ao público vivir a experiencia dunha subasta.

A parte gastronómica da xornada correu a cargo de Artesa da Moza Crecha, que realizou un showcooking con especies de cerco como sardiña, boga, agulla e xurel. As receitas e a posterior degustación puxeron de manifesto a versatilidade culinaria destas especies, así como o seu valor nutricional e gastronómico, contribuíndo a dar visibilidade a variedades menos habituais no consumo.

Desde o GALP Golfo Ártabro Sur reafirmamos a nosa vontade de colaborar con entidades que traballan pola divulgación da cultura mariñeira e pola promoción dun modelo pesqueiro sustentable, como parte da nosa misión de dinamizar o territorio e fortalecer a identidade costeira.