O xerente do GALP Golfo Ártabro Sur asistiu á xornada celebrada no Museo Naval de Ferrol, dedicada á ostra rizada ou japonesa (Magallana gigas), organizada pola Xunta de Galicia. Para coñecer de primeira man as oportunidades de comercialización desta especie nas rías do Golfo Ártabro (A Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol) e analizar o seu potencial para o sector pesqueiro da comarca.

Durante o encontro subliñouse a importancia de transformar a abundante presenza da ostra rizada en novas oportunidades económicas, fomentando a súa extracción controlada como fonte de ingresos e contribuíndo á recuperación de hábitats costeiros e de especies marisqueiras tradicionais. Desde o GALP destacamos a relevancia de dar visibilidade a esta especie e de apoiar iniciativas que favorezan a innovación, a sustentabilidade e a diversificación da oferta mariñeira local.

A xornada tamén puxo en valor a iniciativa Ostras do Ártabro, promovida polas cofradías de Barallobre e Pontedeume, que co apoio das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo permitiu experimentar novas formas de preparación e creación de conservas de alto valor engadido.

Dende o GALP Golfo Ártabro Sur reafirmamos o noso compromiso co sector marítimo-pesqueiro da comarca, fomentando a cooperación entre cofradías, empresas e administracións para impulsar proxectos innovadores e sostibles que xeren valor engadido no territorio. Animamos a todos os axentes do sector a participar neste tipo de iniciativas e a aproveitar o intercambio de experiencias que xeran estes encontros.