O GALP Golfo Ártabro Sur suma unha nova experiencia de turismo mariñeiro ao proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo, organizada pola Cofradía de Pescadores de Sada
Como foi cambiando a pesca de Sada ao longo dos anos? Que queda hoxe daquel porto e daqueles oficios? E que papel continúa tendo o mar na vida da vila?
Estas son algunhas das cuestións que se abordarán o vindeiro 9 de outubro, de 11:00 a 13:30 horas, nunha ruta de turismo mariñeiro organizada pola Cofradía de Pescadores de Sada. O percorrido permitirá coñecer a historia da actividade pesqueira da localidade e como o oficio mariñeiro foi evolucionando ao longo de máis dun século.
A actividade forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia. No territorio do GALP Golfo Ártabro Sur, a iniciativa suma unha nova experiencia para achegarse á relación de Sada co mar a través da súa historia, dos seus profesionais e da actividade pesqueira que continúa desenvolvéndose no porto.
En Sada, o propio porto será o escenario para seguir esa historia. Os edificios, as ramplas, as antigas naves de redes, e as embarcacións actuais permiten ver como foi cambiando a actividade pesqueira e como esas transformacións tamén acompañaron a evolución da vila.
Ao longo do percorrido, a Cofradía de Pescadores de Sada explicará os diferentes tipos de embarcacións e modalidades de pesca, así como os traballos que se desenvolven arredor do porto.
A pesca de Sada cambiou moito, pero continúa dependendo do coñecemento do mar e dunha comunidade profesional organizada arredor do porto. Esa relación entre o saber acumulado, as persoas e o territorio estará presente durante toda a visita.
A ruta incluirá tamén unha visita á Lonxa de Sada, onde os participantes poderán coñecer de preto o seu funcionamento e o papel que desempeña na comercialización das capturas, seguindo o percorrido do mar á mesa. A visita continuará coa presentación do libro “Fillos do Mar”, da Confraría de Pescadores de Sada, unha publicación que recolle a historia marítimo-pesqueira de Sada e a traxectoria da propia confraría, xunto co lanzamento e degustación de produtos da Lonxa de Sada. Será unha oportunidade para conectar a historia do porto coa actividade pesqueira que continúa desenvolvéndose hoxe.
O percorrido permitirá así coñecer outra cara de Sada, a dunha vila cuxa historia e evolución están estreitamente ligadas á pesca e ao mar.
A actividade é gratuíta, terá lugar o 9 de outubro de 11:00 a 13:30 horas e o punto de encontro será na Avenida do Porto, 21, en Sada. As persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 618 320 033.
Mar e Rías: Pesca & Turismo é un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia para impulsar o turismo mariñeiro e dar a coñecer os profesionais, os oficios e o patrimonio marítimo dos diferentes territorios.
Comentarios recientes