Cada 16 de xullo, as embarcacións do Golfo Ártabro engalánanse para acompañar á Virxe do Carme nunha das tradicións máis emblemáticas das nosas vilas mariñeiras. A procesión marítima forma parte da identidade da costa e reúne cada ano a centos de persoas arredor dunha celebración que combina devoción, patrimonio e memoria. Porén, esta imaxe tan familiar non existiu sempre.

Antes de que a Virxe do Carme se convertese na patroa da xente do mar, os mariñeiros galegos encomendábanse principalmente a San Telmo e á Virxe do Rosario, figuras profundamente arraigadas nas confrarías de pescadores. A devoción á Virxe do Carme comezou a estenderse polos portos galegos a partir do século XVIII, ata converterse, co paso do tempo, na principal protectora das comunidades mariñeiras.

Aínda que desde había séculos se celebraban navegacións festivas e procesións nas augas da baía da Coruña, a primeira procesión marítima documentada da Virxe do Carme non tivo lugar ata o verán de 1919. A iniciativa foi promovida polo sacerdote Baltasar Pardal Vidal e celebrouse o 24 de agosto, coincidindo coas Festas de María Pita, para facilitar a participación da cidadanía.

As crónicas da época describen aquel acontecemento como unha celebración sen precedentes. A imaxe da Virxe foi embarcada nunha batea decorada cun templete e percorreu a baía acompañada por numerosas embarcacións, bandas de música, coros e centos de persoas que seguiron a procesión tanto desde terra como desde o mar. Aquel día marcou o inicio dunha tradición que, co paso dos anos, se estendería por toda a costa galega.

Máis dun século despois, as procesións marítimas da Virxe do Carme seguen representando moito máis ca unha celebración relixiosa. Son unha homenaxe ás xeracións de mariñeiros e mariñeiras que fixeron do mar o seu modo de vida e un recordo permanente para todas aquelas persoas que perderon a vida nas súas augas. O tradicional depósito dunha coroa de flores durante a procesión continúa sendo un dos momentos máis emotivos da xornada, mantendo viva a memoria de quen nunca regresaron a porto.

Porque a historia da Virxe do Carme é tamén a historia das nosas xentes do mar. Unha tradición centenaria que segue navegando cada verán polas augas do Golfo Ártabro, conservando vivo un patrimonio cultural que forma parte da identidade das nosas comunidades costeiras.